Tuesday 14 de May de 2024

O Carme dos Pincheiros mergulla A Pobra en catro días de festa


Tradición e celebración conxugaranse unha vez máis na Pobra do Caramiñal co gallo do Carme dos Pincheiros. A localidade mergullarase de cheo nunha das súas grandes festas do verán, do día 18 ao 21 de agosto, tal e como deron a coñece-lo alcalde, José Carlos Vidal; a concelleira da Cultura, Patricia Lojo; representantes da comisión de festas (Jean Vaiarello, presidente; Jesús Maneiro, vicepresidente; e José Luís Piñeiro, Juan Ramón Fernández e José Hermo, vogais); e membros da organización dos San Juerguines (Xosé Santiago e Noa Varela).

O rexedor fixo fincapé na importancia desta festividade non só dende o punto de vista lúdico, senón tamén histórico, por basea-lo seu nome en dous feitos concretos: por unha banda, a salvación da tripulación dun barco que se viu inmerso nunha tempestade en 1752, cando cubría o traxecto entre Vilanova e A Pobra do Deán; e, pola outra, o colectivo mariñeiro que practicaba a pesca co pincho, en concreto, a da pescada ou “merluza”. Durante a súa intervención, o mandatario local tamén reiterou o apoio do Concello ás tres comisións de festas que operan no municipio e que, no caso do Carme dos Pincheiros, se traduciu no incremento da subvención nominativa dos 19 000 ata acada-los 55 000 euros.

Os xigantes e cabezudos volverán percorre-las rúas da vila en diferentes ocasións ao longo das catro xornadas festivas animando o ambiente cos seus bailes e interacción co público.

Destaca tamén a forte presenza da música con preto dunha vintena de agrupacións que farán vibra-la localidade a ritmos variados: a Banda de Música de Calo, a Banda de Música de Vilaboa, a Banda de Música de Catoira, a Banda Militar da Brilat, a Banda de Gaitas San Pantaleón, Trécola, Xiada, Os Caraveiros, Arrancadeira, Os do Barro, Queicoa, a charanga Os Santiaguiños, as orquestras Los Españoles, New York e Furia Joven, e as discomóbil SuperFabriK, Chocolate e DJ Tito Maverick.

A imposición de escapularios aos novos confrades terá lugar no venres 18, ás 19.30 horas, na igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal, para, deseguido, asistir á misa solemne por tódalas persoas da confraría falecidas, cantada pola coral Lauda Sion.

Posteriormente, ás 21.00 horas, a atención trasladarase ao balcón da casa consistorial co pregón a cargo de Esther Calviño Sanlés e Iván Tubío Sanlés, estudantes pobrenses a quen lles adxudicaron dúas bolsas das que lles outorga a Fundación La Caixa a un cento dos mellores expedientes universitarios do territorio estatal para brindárlle-la oportunidade de amplia-la súa formación no estranxeiro. A edil da Cultura explicou que esta decisión busca enxalza-la excelencia académica e que a mocidade se vexa reflectida e se motive na consecución das súas metas. Porase así o foco nas prometedoras xeracións de pobrenses que son, ademais, parte fundamental destes festexos, como se constata, por exemplo, nos San Juerguines.

Esta esperada cita terá lugar no sábado 19 con pasarrúas, sesión vermú, festa da auga, olimpíadas pincheiras e festa rachada. Cómpre insistir na importancia de non empregar carros de supermercado durante o evento.

A misa solemne na honra da Virxe do Carme oficiarase no domingo 20, ás 18.30 horas, no xa referido templo relixioso, e estará interpretada pola capela de música Lauda Sion. No remate, sairá en procesión a imaxe relixiosa portada por membros da Confraría do Santo Cristo, custodiada polas bandeirolas e a Banda Militar da Brilat, xunto coa Banda de Música de Catoira e os xigantes e cabezudos, así como a colaboración da escola de danza da Asociación de Amas de Casa pobrense. Xa no peirao, realizarase a ofrenda das coroas de flores por parte de representantes da Asociación de Amas de Casa e da Confraría de Pescadores.

E, pensando nas crianzas, a programación destes días tamén inclúe xogos populares, a festa da escuma e a Pincheirolandia.

Este ambiente festivo chegará á súa fin, seguindo o costume, coa gran queima de fogos artificiais e co combate naval no luns 21.